Manuel Forcadela, María López Sández e Xurxo BorrazásO pasado xoves, día 4, tivo lugar a última xornada dos Diálogos Literarios no Pazo de Mariñán. A primeira sesión, moderada por María López Sández, tivo como título Pensar, narrar, e contou cos escritores Manuel Forcadela e Xurxo Borrazás, que disertaron sobre a súa obra ensaística.

A sesión da tarde correu a cargo dos poetas Kirmen Uribe e Xavier Rodríguez Baixeras que, tras debullar o universo poético propio, agasallaron aos asistentes cun recital das súas mellores composicións. Esta última sesión foi moderada polo coordinador dos Diálogos, Román Raña.
Xavier Rodríguez Baixeras, Román Raña e Kirmen Uribe
Dende a Fundación queremos agradecer aos conferenciantes, aos moderadores e mais aos asistentes pola súa participación nos Diálogos, os cales, na súa sexta edición, teñen conformado un espazo de convivencia entre as literaturas peninsulares, nun contorno multixeracional e de fluído intercambio de opinións e ideas, que era o que se pretendía.

Así mesmo, queremos agradecer o apoio dos nosos patrocinadores e, en especial, a xenerosidade da Deputación da Coruña por ter posto á nosa disposición, un ano máis, o fermoso marco do Pazo de Mariñán, onde o seu persoal, eficaz e discreto, colmounos de atencións a todos os que alí compartimos o pan e as ideas. Con todos eles quedamos sinceramente obrigados.