Manuel Forcadela, María López Sández e Isaac LouridoO pasado martes 30 de xuño tivemos con nós a María López Sández, doutora en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, acompañada por Manuel Forcadela e Isaac Lourido. Os convidados ao Café Voltaire na Fundación Carlos Casares falaron do último libro de López Sández Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio (Editorial Galaxia, 2008), galardoado co Premio Ramón Piñeiro de Ensaio en 2007.

María López iniciou o debate explicando as orixes do seu libro, inicialmente unha tese, e mais explicando como a configuración do espazo é imprescindible para a configuración dalgúns xéneros literarios, base a partir da cal comezou a estudar a relación da descrición paisaxística como creación discursiva do territorio. Pola súa banda, Manuel Forcadela gabou o libro de Sández, e incidiu sobre as orixes de palabras como “aventura”, “vía” ou “praza” para avogar polo simbolismo entre o relixioso e o pagán nas estruturas e os espazos en Galicia. Isaac Lourido falou a continuación para puntualizar a construción discursiva do nacionalismo a través da paisaxe e do territorio galegos, e como as figuras clásicas da literatura utilizaron ese recurso de forma reaccionaria a como se estaba utilizando por escritores casteláns para referirse a Galicia.