Xa estamos de volta de Celanova onde rematamos, o pasado venres 10, o VI Curso de Extensión Universitaria O audiovisual e as industrias culturais. Por el pasaron 31 relatores, en tres apretadas xornadas nas que os case medio centenar de matriculados tiveron á súa disposición unha selección de profesores, artistas e directivos de industrias culturais cos que debateron os temas máis actuais do sector.
Como baixas de última hora, lamentamos a de Emili Prado Picó, catedrático de Comunicación Audiovisual e Publicidade da UAB, que por motivos familiares non puido asistir pero mantivo a conferencia e enviou á profesora Matilde Delgado a presentala. Así mesmo, motivos de saúde impediron a presenza do director de cine Ángel de la Cruz. O seu posto na mesa que compartía con Ignacio Vilar, o director de Pradolongo, foi ocupado polo produtor Andrés Barbé, director de Formato Producciones.
Temos que agradecer a todos os participantes, relatores e alumnos, o seu interese e a súa participación activa ao longo das tres xornadas; ao Concello de Celanova, na figura do seu alcalde Antonio Mouriño, o trato amable e xeneroso co que sempre nos agasalla, ademáis de poñer á nosa disposición a excelencia organizadora de Antonio Piñeiro. Quedamos obrigados tamén cos patrocinadores, a Vicerreitoría do Campus de Ourense (Juan Francisco Gálvez), a Deputación Provincial (Xosé Luís Baltar), o Consorcio Audiovisual de Galicia (Alfonso Cabaleiro Durán), entre outras institucións, que só tiveron atencións connosco, nun ambiente de absoluta colaboración.
En breve teremos á vosa disposición na columna ‘A Fundación en imaxes’ as fotografías tiradas durante o curso, que poderedes baixar en alta resolución. Quedan tamén aquí os enlaces para descargar o programa do Curso (coa modificación ao programa) e mais o cartel do Curso.