O escritor vasco Kirmen Uribe vén de gañar o Premio Nacional de Narrativa pola súa novela Bilbao-New York-Bilbao, obra coa que xa recibira o Premio da Crítica de narrativa en euskera no ano 2008. Dende a Fundación Carlos Casares congratulámonos do merecido galardón a este gran escritor que, no pasado mes de xuño, acudiu convidado aos VI Diálogos Literarios de Mariñán, organizados no pazo de Bergondo pola nosa fundación e coordinados por Román Raña.
Kirmen Uribe (Ondarroa -Vizcaia-, 1970), é licenciado en Filoloxía vasca en Vitoria e cursou estudos de posgrao de Literatura Comparada en Trento (Italia); traballou como profesor, tradutor e guionista, realizou proxectos multimedia nos que combinou literatura e diferentes disciplinas artísticas e participou en encontros de literatura en Europa, Asia e América. En 2001, publicou o libro de poemas Bitartean heldu eskutik (Mentres tanto cólleme a man), aínda que tamén escribiu varios libros de literatura infantil e xuvenil.