Encadrado nos VII Encontros de Mondariz-Balneario O César e Deus: relixión, laicidade e espazo público, o próximo mércores 21 de outubro ás 20 horas teremos a posibilidade de escoitar en conferencia pública a D. Gregorio Peces-Barba, que falará sobre “Laicidade e cidadanía”. Para aqueles que desexen acudir dende Vigo, existe a posibilidade de viaxar en microbus que sairá das inmediacións do Sanatorio do Dr. Concheiro (Avenida de Madrid) o mércores ás 19 horas e regresará ao mesmo lugar ao finalizar o acto.
Gregorio Peces-Barba é catedrático de Filosofía do Dereito na Universidade Carlos III de Madrid. Entre 1963 e 1975 foi avogado en numerosos procesos e consellos de guerra, distinguíndose na súa defensa dos dereitos humanos e da democracia. É un dos redactores da Constitución española de 1978 e foi designado deputado e presidente do Congreso dos deputados. A partir de 1989 centrouse na construción da Universidade Carlos III, da que foi o seu primeiro reitor. En 2004 foi nomeado Alto Comisionado de Apoio ás Víctimas do Terrorismo. Ademais, é colaborador habitual de varias radios e revistas.