A primeira xornada dos VII Encontros de Mondariz-Balneario contou coa presenza do diplomático e ensaísta José María Ridao, a teóloga Carmen Pellicer e o escritor e diplomático retirado Gonzalo Puente Ojea.
José María Ridao, que foi presentado polo filósofo Antón Baamonde, dedicou a súa ponencia O problema relixioso en España a facer un percorrido crítico pola historia de España, dende Isabel “a Católica” ata os nosos días. Cualificou a esta como unha raíña intolerante, como demostrou coa expulsión dos xudeos. Os seus sucesores, os monarcas da casa dos Austrias, preparon o camiño a outro suceso lamentable como foi a expulsión dos moriscos, iniciada en 1609 por Felipe III. O rei Borbón Carlos III favoreceu o pensamento ilustrado en España, grazas a ser o rei menos español de todos. Séculos máis tarde -apuntou Ridao- o pensamento do liberalismo español sería secuestrado pola Igrexa Católica, o cal significou unha verdadeira desgraza, pois a súa calidade e importancia para o desenvolvemento do país eran homologables ao que circulaba por Europa adiante. O catolicismo conseguiu conducir o debate sempre ao campo do relixioso ata a II República, que encarou a separación da Igrexa e o Estado como un motor de modernización de España. Segundo o relator, a transición democrática conseguiu, dentro do contexto histórico no que se deu, unha solución aceptable que asentou na Constitución de 1978. Non obstante, Ridao cuestionou, no remate do seu relatorio, o modelo de financiamento da Igrexa Católica, a excesiva presenza do tema e da doutrina católica no ámbito do ensino e criticou a actitude do principal partido da oposición cara estas e outras cuestións do ámbito relixioso.
O profesor Javier Pérez Carrasco foi o encargado de presentar aos participantes na sesión da tarde: Carmen Pellicer e Gonzalo Puente Ojea. A ponencia de Pellicer levou como título A escola: ¿territorio de confrontación ou encontro?, e nela sostivo que a educación nas sociedades plurais contemporáneas debe basearse na cultura compartida. Esa educación ten que darlle ao escolar aqueles relatos, relixiosos e non relixiosos, que lle permitan a comprensión da súa propia vida, o cal requiere un consenso social imposible de conseguir utilizando a educación como arma arroxadiza na loita política. Finalizou constatando unha idea: “a democracia apréndese e a escola é un referente de transformación social e de construción de futuro”.Gonzalo Puente Ojea, a continuación presentou o seu relatorio O laicismo como condición dunha sociedade democrática, no que formulou as dúas condicións do laicismo: “A esencia da democracia é a igualdade das conciencias, independentemente dos seus contidos”; e “A liberdade das conciencias debe entenderse como a non interferencia”. No desenvolvemento da súa tese cuestionou o carácter verdadeiramente democrático da Constitución española porque non recoñece no seu texto a liberdade das conciencias e porque privilexia unhas conciencias sobre outras, en concreto a representada pola Igrexa Católica.