A segunda xornada dos VII Encontros de Mondariz-Balneario reuniu na súa sesión matutina ao arcebispo de Pamplona e bispo de Tudela (emérito en ambas sedes) Monseñor Fernando Sebastián Aguilar, e mais ao profesor e filósofo Henri Peña-Ruíz.
Monseñor Sebastián, na súa conferencia Cristiáns e cidadáns, falou do erro que se agocha na crenza de que o cristianismo é incompatible coa democracia. Ao contrario -sostivo- o cristianismo supón unha extensión de dereitos e de elementos (bondade, paz, etc.) que todo estado de dereito debería posuír. Recalcou tamén que non se pode confundir democracia con laicismo porque, segundo as súas palabras, semella un luxo prescindir da pegada histórica que o cristianismo deixou durante tantos séculos.
Por outra banda, Sebastián sinalou que as protestas que se están a vivir contra a igrexa se producen porque o goberno está a impoñer a moral particular dunha parte da sociedade sobre a súa totalidade, mentres que el aboga por situarse nunha igualdade de oportunidades que permita dialogar e elixir a mellor das posibilidades.
Henri Peña-Ruíz defendeu na súa intervención, titulada A emancipación laica: feitos e principios, que non existe diferenza entre laicide e laicismo e situou o debate no concepto da “liberdade de conciencia” en vez “liberdade relixiosa”; un país sen liberdade de conciencia, segundo Peña-Ruíz, conleva a aparición da discriminación e de falta de liberdade para os que non comparten o credo dominante. Baseado neste aspecto comentou que suxerir que a moralidade descansa unicamente na relixión é insultar a conciencia dos humanistas ateos e agnósticos.
“Os seres humanos nacen e permanecen libres e iguais en dereito”, segundo a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Ese “nacen” (logo ninguén a outorga) marca unha diferenza substancial que converte en innegociable calquera pretensión de privilexio dunha relixión. No debate que seguía ás ponencias, monseñor Sebastián dixo non ter problema en admitir a eliminación do privilexio que o artigo 16 da Constitución Española concede á Igrexa Católica se este xesto conducise a unha paz relixiosa definitiva.
Na sesión da tarde levouse a cabo a tradicional conferencia pública, desta vez a cargo do profesor Gregorio Peces-Barba que desenvolveu o tema Laicidade e cidadanía. Na súa exposición marcou na orixe da Reforma o punto de separación entre a ética da gracia, asumida polo humanismo protestante, e a ética da liberdade, recollida polo humanismo laico, que o levaría cara á noción de laicidade. Unha vez que a xente identificou o dereito coa lei e abandonou a interpretación dos textos clásicos romanos, foi posible a construción dunha ética pública, separada da ética privada, ñe dicir, foise formando unha ética pública da democracia.
Outra idea que suliñou no seu discurso foi que a dignidade humana non necesita do apoio relixioso, é unha dignidade secularizzada que, por outra parte, non resulta incompatible coas crenzas relixiosas.