Carmela AriasVén de ser soterrada na Coruña, na intimidade familiar, Carmela Arias y Díaz de Rábago, condesa de Fenosa, quen fora presidenta da Fundación Pedro Barrié de la Maza e do Banco Pastor. A súa imaxe pública era a dunha amable avoa, impecablemente peiteada, de xesto serio pero bondadoso; movíase con elegancia e vestía sempre de negro. Sen embargo, nos actos corporativos a súa figura, un tanto fráxil, adquiría unha solidez indiscutible.

Carmela Arias era neta do sociólogo e economista galego Joaquín Díaz de Rábago e Díez de Mier, compartindo a ascendencia burgalesa dos Rábago. Naceu na Coruña e estudou en Barcelona onde, rematada a Guerra Civil, ía matricularse na Escola de Arquitectura, desexo que non puido cumprir por unha grave e duradeira doenza que non se resolveu ata 1953. Casou en 1966 con Pedro Barrié de la Maza, parente do seu pai, que nese mesmo ano creou a fundación que leva o seu nome, entregándolle os dous terzos da súa fortuna. Seguro que este xesto desprendido colmou en parte os anceios dunha muller madura amante de Galicia e da súa xente.

Apenas cinco anos despois, en 1971, faleceu o seu marido e Carmela Arias vestirá o negro para sempre: trinta e oito anos de loito. Tamén haberá de vestir, aínda que por dentro, o uniforme executivo pois a ausencia de herdeiros obrigouna a asumir a presidencia do Banco Pastor, convertíndose na primeira muller en España nun posto semellante. Tocoulle, daquela, repartir o tempo en ambos mundos, o do negocio e máis o da cultura, sen perder de vista a necesaria futura sucesión. Fíxoo todo e o fixo ben: consolidou un banco galego pilotando con sabiduría; converteu á Fundación Barrié nunha potente máquina ao servizo do desenvolvemento global de Galicia, a través de ciencia e da cultura, e asegurou a continuidade da obra programando unha sucesión axeitada e sensata.

Carmela Arias y Díaz de Rábago amaba moito a Galicia, sen dúbida, e demostrouno no décimo cabo de ano do pasamento do seu marido, en 1981, facendo doación de toda a súa fortuna, agás as casas familiares, ao patrimonio da Fundación. Só outra pasión superaba ese amor polo país: a súa fonda e auténtica relixiosidade. Pode que unha alimentara á outra. Foise Carmela Arias, pero oxalá non moi lonxe.