Onte deron comezo na Sede Fundación Caixa Galicia as I Xornadas Luces e sombras do proxecto ilustrado en España. Unha ollada dende Ferrol, organizadas pola Fundación Carlos Casares e coordinadas polo profesor José María Cardesín.Na inauguración estiveron presentes a Concelleira de Cultura do Concello de Ferrol, Mercedes Carbajales, o Almirante Xefe do Arsenal de Ferrol, Santiago Bolíbar, e a presidenta da Fundación Carlos Casares, Kristina Berg. Os tres coincidiron na importancia deste evento para reforzar a imaxe da cidade.A primeira intervención das xornadas correu a cargo de José Álvarez Junco, catedrático de Historia dos Movementos Sociais e Premio Nacional de Ensaio en 2002. Álvarez Junco estableceu a base introdutoria das Xornadas, falando do ideal ilustrado que se plasma no xurdimento da idea de nación. Este concepto, leit motiv dos reformistas, agroma no XVIII como unha entidade allea á monarquía e sustentada na soberanía popular sobre o seu destino e territorio. A nación como suxeito político resultou moito máis necesario para os reformistas que para os defensores da tradición que pretendían que a soberanía do estado residise en mans do rei. Acto seguido, explicou a implementación deficiente destes ideiais en España, preguntándose qué sectores da sociedade española tentaron o cambio. “Foi unha elite: o clero ilustrado, militares e intelectuais, na súa maioría funcionarios públicos”, recalcou o profesor Álvarez Junco. Ademais, estes reformistas tiñan que loitar contra a resistencia da nobleza no interior e contra a mala imaxe de España no exterior e a incomprensión dos esforzos de modernización que realizaban os reformistas.Hoxe continuarán as xornadas ás 18.30 horas coa presenza de Xosé Ramón Barreiro, presidente da RAG, que falará sobre a Ilustración en Galicia, e ás 20.00 horas con Javier Fernández Sebastián, catedrático de Historia do Pensamento Político na Universidade do País Vasco, que tratará os conceptos filosófico-políticos e historiográficos do proxecto ilustrado español.
Menu
- Inicio
- A Fundación
- Carlos Casares
- Actividades
- CURSO DE MEDIOS AUDIOVISUAIS DE CELANOVA (CeMAC)
- CENTRO DE ESTUDOS E CÁTEDRA CARLOS CASARES
- COORDENADAS. Diálogos Literarios da Fundación Carlos Casares
- EXPOSICIÓNS
- OS DEBATES DE CAFÉ VOLTAIRE
- ÁREA DE LINGUA, CULTURA E SOCIEDADE
- ÁREA DE CIENCIA, CULTURA E SOCIEDADE
- ÁREA DE DIÁLOGO INTERCULTURAL
- Colaboración na difusión da figura de Carlos Casares
- MEDIATECA
- Contacto
×