Ramón Yáñez e Xosé Ramón Barreiro

A tarde do mércores abriuse coa conferencia de Xosé Ramón Barreiro Fernández sobre “A Ilustración en Galicia”, cambiando a quenda prevista no programa por mor de compromisos ineludibles en Santiago de Compostela. Comezou a súa disertación salientando que o proceso que chamamos Ilustración non discorreu simetricamente en Galicia e no resto de España. “A mímese, que a houbo, chega ata certo punto”, dixo o profesor e presidente da RAG. O sistema agrario do foro, único en España; o incremento espectacular das terras de cultivo, e o despegue poboacional crearon en Galicia as condicións axeitadas para o florecemento do negocio comercial.  Non extraña ao profesor Barreiro que a eliminación, en 1760, do monopolio de Cádiz para o comercio ultramarino atraera a cataláns, vascos e casteláns, unha burguesía foránea e ilustrada que acabaría asumindo a idea da galeguidade. No eido político, non obstante, dábase a contradición de ser o absolutismo o referente do  pensamento ilustrado, o rei o garante da renovación.

Guillermo Llorca e Javier Fernández Sebastián

A continuación Javier Fernández Sebastián, catedrático de Pensamento Político na UPV, abordou a conceptualización do termo e a evolución dos seus significados. “A Ilustración Española, como concepto, non ten máis de 50 anos -apuntou o profesor Fernández Sebastián-, porén, a palabra ‘Ilustración’ era usada xa en 1780  aínda que con significado diferente”. Para o relator, o concepto refería, en España, ao tema da ciencia e do coñecemento, ao eido da educación en sentido amplo, e diso falaban realmente os ilustrados. En Francia, se embargo, cargouse no haber da Ilustración o desenlace revolucionario, o cal é falso en opinión do profesor, en tanto causa/efecto: “Non se pode meter no mesmo saco a Voltaire e  a Rousseau, verdadeiros antagonistas”. Como é falsa, tamén, -engadíu- a opinión de Joaquín Costa de que foi Napoleón quen acabou coas boas accións dos ilustrados españois. As cousas foron bastante máis prosaicas.