O terceiro día das I Xornadas Luces e sombras do proxecto ilustrado en España. Unha ollada dende Ferrol foi dedicado ás visitas guiadas por distintos puntos estratéxicos da cidade de Ferrol nos séculos XVIII e XIX.
Pola mañá o grupo foi recibido polo Almirante Xefe do Arsenal de Ferrol, Santiago Bolíbar, que sentou a base das visitas a realizar, sinalando a importancia militar na conservación do patrimonio na cidade de Ferrol. O grupo visitou, en primeiro lugar, o Museo Naval, inaugurado a principios dos anos 70 do século XX, o cal conta cun impresionante catálogo de obxectos da Armada.
Pola tarde o grupo visitou o Arsenal e a Base Naval, tendo a oportunidade de ver tamén as dependencias dos mariñeiros e a batería de cañóns, os diques secos e outros espazos como a Sala de Armas.
Finalmente, José María Cardesín, coordinador das Xornadas, guiou o grupo polos puntos relevantes da cidade, sendo o intérprete das distintas construcións e comentando diversas curiosidades históricas, así como a razón da distribución de certas estruturas na cidade.