Gustavo A. Garrido, Cesar A. Molina e Salvador F. Moreda

O pasado xoves día 26, o Foro Galicia Internacional. Estratexias de difusión global dende a periferia, que se está a celebrar na cidade de A Coruña, recibiu a César Antonio Molina para falar da súa experiencia no Instituto Cervantes, que dirixiu de 2004 a 2007. O escritor, profesor e exministro foi presentado por Salvador Fernández Moreda, presidente da Deputación da Coruña e amigo persoal seu.

Para Molina, España está hoxe presente no mundo grazas ao español, “o día que se perda, bórrannos do mundo”, salientou. O español como a gran patente pode permitirnos entrar coa cultura en calquera sitio, “e detrás da cultura entran as empresas”. Pero en España hai máis linguas que o español e deben estar presentes ao seu carón cando se fale de cultura española, “iso foi o que eu fixen, incorporar as outras tres linguas españolas no Instituto Cervantes, con total normalidade”, recordou o conferenciante.  “A cultura non ten as fronteiras que limitan a política, aproveitemos” -insistiu- “os intrumentos do Estado para promocionar a lingua de Galicia, esixamos a súa presenza, organicemos ciclos coherentes e ben distribuídos, usemos os recursos racionalmente”.

César Antonio Molina é partidario de que España lidere o Grupo Iberoamericano, denominación que inclúe os países lusófonos, convertíndose “no corazón do grupo”. Simplemente por razóns de eficiencia e tamaño, así como polas boas experiencias vividas durante o seu mandato xestor. Pero as cousas, dixo, hai que facelas ben; por iso buscou, durante a súa recente etapa ministerial, a integración do Instituto Cervantes no Ministerio de Cultura e tamén que o nomeamento dos agregados culturais das embaixadas españolas se fixese consensuadamente entre ambos ministerios. “O Ministerio de Cultura de España debe converterse en algo esencial, como sucede en Francia”, subliñou, e artellar a necesaria coordinación co Instituto Ramon Llull, a Academia da Lingua Vasca e mais co seu homólogo galego, co fin de mellorar “a presenza pacífica de España no mundo”.