Ao abeiro deste suxestivo título a Fundación organizou en Ferrol, o pasado venres 27, unha mesa redonda para recordar a Gonzalo Torrente Ballester e a Carlos Casares. Foi na Sede Fundación Caixa Galicia e patrocinados pola Concellería de Cultura do Concello ferrolán, onde acudimos ao chamado de José Ponte Far para lembrar a querencia que os dous escritores tiñan pola palabra falada, pola conversa arredor dunha mesa. Participaron Carmen Becerra, profesora de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade de Vigo e Directora Cultural da Fundación GTB; Miguel Viqueira, profesor da Facultade de Letras da Universidade de Lisboa, e Gustavo Adolfo Garrido, Director da Fundación Carlos Casares. Estes dous últimos foron participantes asiduos da tertulia que GTB mantiña na cafetería Monterrey de Baiona con Carlos Casares e o pintor Manuel Prego de Oliver.
Carmen Becerra introducíu o tema da tertulia na vida de Torrente Ballester, repasando as que o escritor mantivera en Madrid, en Pontevedra, en Salamanca e, por último, en Baiona. Ligou, de xeito natural, a narración oral que fluía nelas coa imaxe do círculo tan presente na obra torrentina. Para Miguel Viqueira, a tertulia foi tan crucial na vida de GTB que mesmo por demorar máis do debido nunha delas safou de ser paseado. Viqueira recordou a facilidade coa que Carlos Casares lle tiraba da lingua e o puña a contar historias. “Casares era incríble narrando un suceso, mesmo que fora intranscendente”, salientou, “e xunto con Torrente e Manuel Prego formaban un trío imbatible”.
Gustavo A. Garrido coincidíu con Viqueira en calificar como o fito máis influínte na súa formación persoal, a oportunidade de coñecer a ambos escritores e ter compartido un bo periodo de tempo con eles, “por xunto e separadamente, foi un auténtico privilexio”. Mostra das historias e anécdotas contadas daquela tertulia, nas mañás de agosto, foron traídas a colación polo xenio moderador de José Ponte Far, convertindo a Mesa Redonda nun fermoso anticipo do que vai ser o ano 2010, a celebración do centenario do nacemento do escritor ferrolán.