O xoves 10 fallouse publicamente o premio do oitavo Concurso Internacional de Cartelismo Publicitario ‘Francisco Mantecón’, patrocinado polas Bodegas Terras Gauda. Foi en Vigo, no Hotel Pazo dos Escudos, diante de máis de cincocentos convidados que puideron admirar, tamén, unha longa mostra dos máis de 1.400 traballos presentados ao concurso. O primeiro premio foi para Angel Luis González, de Valencia, por un excelente cartaz no que xogou, con gusto exquisito e mínimos recursos, coa uva Albariña, a cor do viño e a imaxe do peixe para conseguir un conxunto harmónico e altamente suxestivo. Concedéronse dous accésits: o primeiro para Julia Anne Luke (EUA), o segundo para Robi Joeleht (Estonia), e unha mención especial para o traballo de Dorota Cichon (Polonia), tres estupendos cartaces que podedes ver na páxina do Concurso.
A ceremonia de entrega foi mantida polo xornalista Fernando Ónega e contou coa presenza do Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; do Delegado do Goberno de España en Galicia, Antón Louro; do Alcalde de Vigo, Abel Caballero; e mais do Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, entre outras autoridades e personalidades da cultura e da empresa, que acompañaron ao anfitrión, Xosé María Fonseca, Presidente de Bodegas Terras Gauda e Padroeiro da nosa Fundación, e a Pilar Barreiro, viúva de Francisco Mantecón, custodia e garante da memoria do entrañable deseñador galego prematuramente desaparecido. Alegrámonos moito do éxito desta convocatoria, que converte ao Concurso nun fito imprescindible no panorama cultural do País.