O mércores 16 rematou na Coruña o Foro Fundación Carlos Casares – Caixanova, cunha mesa redonda na que expuxeron as súas experiencias catro voces autorizadas do panorama empresarial e cultural de Galicia: María José Domínguez, Presidenta de Sociedad Textil Lonia (Purificación García e CH Carolina Herrera); Antón Seoane, do grupo Milladoiro; Xosé María Fonseca Moretón, Presidente de Terras Gauda, e Carlos Carballo Varela, Director da Área Audiovisual da Corporación Voz de Galicia. Presentou e moderou a mesa, Olivia Rodríguez, profesora de Historia da Literatura e Literatura Comparada da Universidade da Coruña e cabeza visible da nosa Fundación na cidade.
María José Domínguez presentou as características da súa empresa e explicou o proceso de internacionalización, “aínda en marcha, nun mundo no que xa non existe a periferia”. Antón Seoane, definiu o modelo de Milladoiro como a posta en marcha dun proxecto que “fai o Camiño ao revés: de Galicia para Europa, transmitindo a esencia do territorio galego nun mundo no que non hai culturas grandes nin pequenas”.
Para Xosé María Fonseca, a presenza en Galicia dun variado e rico patrimonio de especies vinícolas non híbridas, fai posible a produción de caldos de auténtica calidade, subliñando que “o uso de variedades autóctonas é o que lle abre as portas do mundo aos nosos viños”. Por último, Carlos Carballo, que tamén é profesor da Universidade de Santiago, presentou un sector audiovisual atomizado onde o peor é a comercialización dos seus produtos. Un sector que dá triunfos esporádicos, conducidos por excelentes actores e actrices que son chamados a traballar no resto de España. “Se marcha o talento -apuntou- pouco poderemos facer para producir audiovisuais vendibles”.