Exposición Os mundos de Carlos Casares na Biblioteca de Moaña (Fonte: Faro de Vigo - Carmen Giménez)O grupo moañés Teatro Aurín vén de organizar unha serie de actividades en honor de Carlos Casares con motivo da estrea o sábado da adaptación de Vento ferido. Nestes actos colaboran a Biblioteca Municipal, a Lonxa Literaria e mais a Fundación Carlos Casares.

O Teatro Aurín naceu en 1983 cun grupo de adolescentes dirixidos por Pedro Riobó. Logo de tres etapas con senllas xeracións de mozos e mozas e máis de 20 espectáculos no seu haber, o Teatro Aurín representou a Comedia bífida en 2007 e 2008 e participou nas dúas últimas edicións do festival “Revoltallo de pedra”, na Mostra de Teatro de Cangas, producindo interesantes montaxes de rúa.

Entre as actividades programadas, onte día 7, inaugurose na Biblioteca de Moaña a exposición “Os mundos de Carlos Casares”, cedida pola nosa Fundación, que permanecerá aberta ata o 16 de xaneiro, con horario de 10 a 13h e de 16 a 20h. Para hoxe, venres día 8, está programada unha lectura de textos de Carlos Casares na biblioteca do Auditorio do Centro Cultural Daniel Castelao e mañá, sábado 9 de xaneiro, terá lugar a estrea de Vento ferido no mesmo Auditorio ás 21h. Na representación inteveñen cinco actrices e catro actores, baixo a dirección de Pedro Riobó. Está prevista a asistencia de Kristina Berg, Presidenta da Fundación, que manifestou a súa alegría e o seu agradecemento pola feliz iniciativa da Asociación Cultural Teatro Aurín.