A web da Fundación Carlos Casares recibiu durante o ano 2009 un total de 34.191 visitas para informarse das súas actividades. Esta cantidade supón un aumento de máis do 85% con respecto ao anterior ano, en que se alcanzaron 18.344 visitas. Entre as razóns deste significativo incremento se atopa a frecuente actualización da páxina web e a publicación de documentos de interese para os visitantes. Neste último aspecto é preciso salientar que as Actas do I Simposio Internacional Carlos Casares foron descargadas máis de 3.000 veces entre a data da súa publicación, a mediados de setembro, e finais de 2009.
Ademais, en 2009 servíronse case 100.000 páxinas (un 44% máis que en 2008) e entre as informacións máis consultadas están as referentes aos VI Diálogos Literarios de Mariñán, ao VI Curso Universitario de Celanova ou aos VII Encontros de Mondariz-Balneario.
Por outra banda, cómpre destacar a fidelidade dos accesos á páxina, nos que sete de cada dez se producen dende enderezos directos ou favoritos, así como de grupos de noticias. Así mesmo, case unha cuarta parte acceden dende enlaces situados en páxinas externas, e un 5% dos accesos se producen a través dos distintos buscadores (Google, Bing, etc.). Por último, cómpre sinalar que a estancia media dos visitantes na nosa web está arredor dos 5 minutos.