Neste mes de xaneiro, a exposición sobre a figura do escritor ourensán Carlos Casares está percorrendo dous institutos de ensinanza secundaria de Moaña. No IES María Soliño, onde Carlos Casares deu clase de 1974 a principios da década dos oitenta, a exposición estivo presente dende o 18 ao 25 de xaneiro na ágora do Centro. Dende o 27 de xaneiro ao 5 de febreiro a exposición poderá verse no IES A Paralaia, tamén na Península do Morrazo.
En ambos centros están a desenvolverse por parte do profesorado distintas actividades didácticas para dar a coñecer a vida e obra de Carlos Casares aos alumnos. Esta exposición é unha versión reducida da orixinal para axeitarse aos diversos espazos e optimizar a súa montaxe. A exposición, gratuíta para todos centros de ensino que a soliciten, forma parte do programa de itinerancias de exposicións para 2010 da nosa Fundación.