O xornal Galicia Hoxe recolle, na edición do pasado luns día 2 de febreiro, unha interesante entrevista de Lupe Gómez ao poeta Román Raña, que ten na rúa, dende o pasado novembro, o seu último poemario: O incendio das palabras (Espiral Maior), obra galardonada co XXV Premio de Poesía Cidade de Ourense. Raña (Vigo, 1960), ten xa no seu haber un rosario de premios que o colocan nun lugar de referencia dentro do mundo literario galego: Esquío (1987); Martín Codax (1997); Caixanova de Poesía e tamén o da Crítica Española (2005), entre outros.
A xornalista, nunha intelixente conversa co poeta, fai agromar nel o mundo da infancia: os veráns e as festas en Carballedo, a brancura das dunas de Samil, o balbordo da veciñanza viguesa, para conducilo, de vagar, polas lembranzas dos amigos e as sinceras reflexións sobre a poesía mesma e os seus protagonistas.
Román Raña é profesor de Lingua e literatura galegas en Vigo e crítico literario, ademais de poeta. Coordina os Diálogos Literarios de Mariñán que organiza anualmente a Fundación Carlos Casares no pazo que a Deputación da Coruña conserva en Bergondo. Pódese atopar outra entrevista ao autor no semanario A Nosa Terra.