A obra Lela anda en bicicleta é a primeira achega do Proxecto Toromelos, que se estreou o pasado xoves día 4 de marzo no auditorio da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia. A partir de agora seguirase representando para os centros de ensino galegos, nunha primeira fase no mesmo auditorio da ESAD e, posteriormente, en Santiago de Compostela e Ourense. A obra visitará tamén A Coruña, Lugo e Ferrol, sempre en teatros.
Lela anda en bicicleta é unha versión teatral do conto de Carlos Casares Lolo anda en bicicleta, realizada cun marcado carácter escénico centrado no traballo dos actores. O propósito da escolla deste conto é poñer en valor a capacidade de xogo, de autoaprendizaxe e de superación das propias limitacións, a través da figura do protagonista.
A obra está dirixida por Ricardo Solveira e representada por un elenco de alumnas e alumnos da ESAD de Galicia. O vestiario foi deseñado e realizado por alumnas da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, EASD, de Santiago de Compostela.