Onte, día 2 de marzo, prensentouse aos medios de comunicación o “Proxecto Toromelos” nunha rolda de prensa realizada no novo edificio da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia. Coa participación de Anxo Lorenzo, secretario Xeral de Política Lingüística, que acudiu ao acto, compareceron diante dos xornalistas Manuel F. Vieites, director da Escola; Gustavo A. Garrido, director xerente da Fundación Carlos Casares; Ricardo Solveira, profesor da Escola; e Santiago Riande, e Carmen Pastoriza, director e profesora, respectivamente, da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo.
No acto de presentación, fíxose fincapé no traballo colaborativo desenvolvido polas institucións presentes, que co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, converten en realidade un proxecto tan complexo como estimulante. A súa plasmación inmediata será a estrea, o xoves día 4, ás 16.30h no auditorio da ESAD, da obra teatral “Lela anda en bicicleta“, unha adaptación do conto de Carlos Casares, con múltiples referencias ao conxunto da súa obra infantil e xuvenil. Amontaxe vai dirixida aos escolares dos centros de ensino de toda Galicia. O proxecto Toromelos enmárcase, transversalmente, nos obxectivos de promoción e recoñecemento da obra infantil e xuvenil de Carlos Casares, na visibilización do galego en ámbitos da infancia e da mocidade e no fomento da lingua galega no ensino.