Carlos Casares escribindo un artigo para La Voz de GaliciaA partir de hoxe, na sección “Documentos da Fundación Carlos Casares“, poñemos a disposición pública unha escolma das reseñas que o escritor publicou baixo o título “A ledicia de ler“, en La Voz de Galicia entre xaneiro de 1975 e xaneiro de 1980.

Tratábase dunha columna de aparición semanal onde Carlos Casares analizou, de forma pormenorizada e co seu característico estilo, diferentes novidades editoriais do momento escritas en galego, onde prestaba especial atención aos temas que el consideraba, naquela etapa, de crucial importancia para a cultura galega: a lingua, a historia da literatura galega, as formas emerxentes de expresión cultural ou a extensión do uso do idioma a todas as áreas do coñecemento.

A intención da Fundación Carlos Casares é ir publicando de forma periódica os artigos máis relevantes ou os que, polo seu tema, se relacionen con noticias literarias ou eventos de actualidade. Os distintos artigos de Casares, agás algunha peza determinada polo seu contido, estarán adaptados á normativa actual do galego. Comezamos esta xeira con dúas reseñas: “O cómic en galego”, do 9 de febreiro de 1975, e mais “A literatura de Carballo Calero”, do 22 de xuño do mesmo ano.

Agradecémoslle a La Voz de Galicia a súa cortesía e as facilidades dadas para facer realidade o proxecto e achegar este material ao público, para consulta directa ou descarga libre e gratuíta.