Carlos Almada Contreiras, Manuel Martins Guerreiro, César Portela, Luis Otero e Xosé Fortes no acto da Fundación Carlos CasaresO pasado mércores, día 28, Xosé Fortes Bouzán oficiou de anfitrión no Centro Social Caixanova de Pontevedra, acompañado de Luis Otero, coronel de Infantería e ex membro da Unión Militar Democrática (UMD), como o propio Fortes, recibindo os seus colegas portugueses: o almirante Manuel Martins Guerreiro e mais o capitán de navío Carlos Almada Contreiras, ex membros do Movimento das Forças Armadas (MFA) e protagonistas da Revolución de Abril de 1974.  A mesa redonda, que desvelou interesantes aspectos das entretelas daquela acción, foi introducida e moderada polo arquitecto César Portela, amigo persoal de Fortes e daquela seu alférez de complemento.

“A adhesión popular foi determinante e potenciadora do movemento revolucionario posto en marcha”, subliñou Martins Guerreiro, que engadiu que ademais da acción militar había un programa político, “un proceso moi planificado, que incluía a celebración de eleccións libres no prazo dun ano, coa entrega do poder ao goberno resultante, e o inmediato inicio da descolonización”. Foi unha revolución inacabada, dixo, paralizada en 1975, pero moitos dos seus avances e os cambios que provocou foron consolidados, a pesares da intervención contraria de forzas externas de Europa e tamén dos EUA.

Carlos Almada Contreiras e Manuel Martins Guerreiro nun momento do acto organizado pola Fundación Carlos Casares“A organización do movemento dos capitáns levou nove meses, a contar desde xuño de 1973, – engadiu Almada Contreiras- e tivo tres fases: a primeira comezou coa reacción de militares condecorados na guerra colonial contra o intento da extrema dereita de convocar un Congreso de Combatentes. Seguiu a esta os choques corporativos entre os militares puros (de carreira) e os espúreos (de reemprazo) e, finalmente, a terceira quedou marcada pola reunión dun centenar de militares no estudo dun arquitecto en Cascais, onde se aproba o documento que contén as bases do MFA”.

Luis Otero colocou o inicio da UMD nun contexto de disgusto co papel do exército como garante do réxime dictatorial de Franco, que daquela comezaba a se estender entre os oficiais novos. “Coa revolución de abril os acontecementos se precipitaron, recibindo azos para nos organizar”. É o momento, recorda Otero, da viaxe a Lisboa para contactar cos colegas portugueses e o reparto das zonas de captación de adeptos entre a oficialidade. “En oito ou dez meses comezaron as detencións, as sancións e o xuízo que deu coa plana maior no cárcere -puntualiza Luis Otero-, pero curiosamente a UMD seguiu engordando as súas filas aínda con nós en prisión”.

“O 25 de abril clarificou o panorama político español”, apuntou Fortes, coincidindo coa apreciación de Otero de que o éxito da UMD foi demostrar aos que loitaban contra a dictadura, que no exército había militares que pensaban coma eles. Xosé Fortes rematou as intervencións da mesa, previas ao coloquio, explicando o limitado alcance da UMD: “En España, o golpismo lastrou o exército, tanto que ata os militares demócratas víanse impotentes para unha acción golpista que con toda seguridade implicaría derramamento de sangue, algo impensable en Portugal, como ben demostraron”.