A abella abesullona - Manuel Janeiro (Editorial Galaxia)No ámbito dos coloquios e debates do Café Voltaire, reservamos o vindeiro xoves 6 de maio ás 20 horas na Fundación Carlos Casares (Rúa Elduayen, 36 – 2º / Vigo) para presentar a última obra de Manuel Janeiro, o conto A abella abesullona, editado por Galaxia na súa colección de literatura infantil e xuvenil.

Manuel Janeiro é escritor e deseñador gráfico, membro do Consello Asesor da Fundación Carlos Casares dende a súa creación, responsabilizándose, entre outras cousas, da imaxe corporativa que nos identifica. Como escritor, agasallounos con obras de calidade, como Pucho, o habitador dos tellados (Kalandraka, 2006), galardoado no Premio Nacional de Edición 2007, en versión castelá, e incluído na lista IBBY en 2008; ou como A fada das lapas (Galaxia, 2008).

No acto, ademais de Janeiro, participarán Antonio García Teijeiro (escritor e crítico literario), Francisco Castro (coordinador de novos proxectos de Editorial Galaxia) e Rosa Martínez Pimentel (directora do Colexio Martín Códax).

Durante o acto servirase un pouco de viño e unhas pingas de mel.