Gustavo Garrido presentou no restaurante do MARCO “O sabor das letras” de abril co título “Camiño adiante. Relatos de viaxeiros”Ao abeiro do título Camiño adiante. Relatos de viaxeiros transcorreu a terceira sesión de O sabor das letras, actividade que xorde no seo do Café Voltaire e como froito da colaboración da nosa Fundación coa Agrupación de Amigos do MARCO. Desta vez foi Gustavo Adolfo Garrido o encargado de conducir a sesión, ofrecéndonos un percorrido etnogastronómico pola Galicia histórica a través de textos dunha escolma de viaxeiros que nos visitaron durante os séculos XV ao XVIII: o checo León de Rosmithal (1466); o tirolés Ieronimus Münzer (1494), os franceses Claude de Bronseval (1532) e Guillaume Mannier (1726) e os italianos Cosimo de Médicis (1699) e Domenico Laffi (1673). O fío argumental foi a peregrinación a Compostela, á que, xunto coa diferente extracción social dos viaxeiros, permitiu fixar unha imaxe polícroma dos hábitos alimentarios dos galegos daquelas épocas.

“Basicamente podemos confirmar, dende os textos, o uso do viño, o caldo e o pan como alimentos comúns a través do Camiño -subliñou Gustavo Adolfo Garrido- e, en menor medida a carne de porco no interior e mais o peixe nas zonas de costa”. O viño gabado en todos os textos era o Ribeiro, “… un viño branco e delicado” anotaba o cronista de Cosimo de Médicis, quen tamén se fixo eco da finura dos salmóns, rodaballos, sollas e troitas do país e, sobre todo, da exhuberancia de sardiñas nas costas do sur de Galicia. Sobre estes ingredientes e outros símbolos da tradición culiaria do país recollidos polo condutor da sesión, o chef Alfonso Botas construíu unhas saborosas metáforas dispostan en seis bocados: Caldo galego con pasta de castañas; xurelo mariñado ao caramelo de oliva negra; culler de millo natural; salmón afumado ao sarmiento; pan de noces e pasas con brétema de queixo e xeada de chocolate con escuma de pementas.

Brinde no MARCOComo bebidas, serviuse un branco Ribeiro Viña de San Martín (2008), un tinto Mencía de Amandi, Régoa (2008) e auga da Fonte do Pombal (Baiona) traída especialmente unhas horas antes.”Dixéronme que un anaco de pan de millo, unha noz ben pelada e un anaco de queixo era ¡o máis delicioso bocado do mundo!”, rematou Garrido citando un  texto de 1909 de Annette Meaking, para salientar que sendo a comida importante, o verdadeiro goce reside en compartila cos amigos.

Gustavo Adolfo Garrido é o autor do libro Aventureiros e curiosos. Relatos de viaxeiros estranxeiros por Galicia, séculos XV a XX (Galaxia, 1994) da colección Galicia no espello, da que foi director, desenvolvendo unha idea de Carlos Casares. Publicáronse seis volumen da dita colección.