Na cuarta entrega de O sabor das letras, celebrada o pasado venres 28 de maio no Restaurante & Café MARCO, de Vigo, tivemos a oportunidade de ver e escoitar a Yolanda Castaño, promesa cumprida da poesía galega, que dedicou a súa sesión a falar sobre o discurso e a fábrica da poesía utilizando como símil a arte culinaria.
A poseía mestura sensacións, como a cociñeira os sabores -apuntou-; o poeta amasa as palabras e as une, fundíndoas unhas veces, illándoas outras. A poesía describe pero o que amosa non sempre é o que parece. Deconstrúe para saber e para amosar. Pode envolver con requintados adornos un feito sinxelo, unha imaxe común, vulgar. Outras veces reduce a realidade a finas capas, case imperceptibles, que ocultan entre elas ideas nutricias, niveis de realidade. Como a panadeira estira a masa en láminas finas, o artista, a poeta, leva a idea a tensións extremas.
A materia da poesía crece como na horta crecen as verduras ou as patacas -subliñou a poeta-; hai que regala, limpala e alimentala. A orixe humilde dos ingredientes non determina o resultado, se o poeta sabe mimar os froitos recollidos, e adornalos, e crear con eles unha rica variedade de sensacións. Para demostrar a fábrica da súa poesía, Yolanda Castaño rematou a sesión cun breve recital formado a partir dos seus poemarios Delicias (Espiral Maior, 1998), O libro da egoísta (Galaxia, 2004) e Profundidade de campo (Espiral Maior, 2007), conseguindo momentos dunha intensa comunicación cos asistentes.
Os bocados preparados para a ocasión por Alfonso Botas e Miguel Oliveira, baixo as indicacións de Yolanda Castaño, foron: montado de sobrasada e mel; caricatura de tortilla de pataca; raspas de sardiña en tempura, milfollas de froitos secos; cereixa con chocolate e Campari, e a sorpresa dun sorbete de alecrim, un rico bocado xeado de romeu ideado por Anfonso Botas como agasallo á forza creadora da convidada á cuarta sesión de O sabor das letras.