A poeta luguesa Emma Couceiro foi a encargada de presentar e moderar a segunda sesión dos VII Diálogos de Literarios de Mariñán, que se realizou hoxe pola mañá. Compartiron mesa Baldo Ramos (Celanova, 1971) poeta e artista plástico, autor de Raizames (Follas Novas Edicións, 2001), e mais o creador portugués Valter Hugo Mãe (Saurimo, Angola, 1971), premio José Saramago 2005 pola súa obra O remorso de Baltazar Serapião (Quindovi, 2006).
Para Baldo Ramos a poesía como pintura e a pintura como poesía manifestan unha perfecta equivalencia, porque os seus límites non están claros e mestúranse de xeito irremediable. “O poeta escribe en imaxes e pinta palabras”, subliñou Ramos, cando, coma el, fabrica os seus propios libros de arte, un por un, como un artesán.
Valter Hugo, na súa intervención, admitiu que a pintura e a literatura están relacionadas pero, en contraste coa visión de Baldo Ramos, pensa que ambas manteñen e deben manter unha separación. “Penso como um escritor e vejo como un escritor – apuntou- porque os meus sentidos são todos apurados pelas palavras e é através das palavras que construo e concebo as coisas todas”.
A súa intervención derivou logo cara ao futuro do libro impreso, que non ve con optimismo, recoñecendo o seu temor a que, posiblemente, en dúas xeracións a súa presenza sexa imperceptible.