Begoña Caamaño, Xosé Monteagudo e Xabier Quiroga na conferencia “Mito e negrura” dos VII Diálogos Literarios de Mariñán

Baixo este título desenvolveuse, onte martes día 1, a primeira sesión dos  VII Diálogos Literarios de Mariñán, coordinados polo poeta Román Raña. Interviron Begoña Caamaño, xornalista e escritora, autora de Circe ou o pracer do azul (Galaxia, 2009) e mais Xabier Quiroga, escritor e filólogo, premio da Crítica 2009 pola súa obra O cabo do mundo (Xerais, 2009). Moderou a mesa o escritor Xosé Monteagudo.

Begoña Caamaño revisitou os mitos dende a voz que apenas os tratou, a voz da muller, que fora ocultada e que agora toma protagonismo. Unha voz que dá outra visión dos arquetipos míticos. A palabra silenciada, subliñou a escritora, entra na escena para contar dende outro punto de vista.

Xabier Quiroga falou na súa intervención do deseño de ser escritor, de abordar mesmo unha temática dura e violenta que, como sucede na materia do seu traballo, se desenvolve nunha Galicia real, nunha vila do interior, durante os primeiros días da sublevación militar que desenvocou na Guerra Civil española. A escrita como investigación do escuro, como viaxe á negrura.

Despois das intervencións de ambos escritores, Xosé Monteagudo moderou un interesante e suxestivo coloquio.