Antonio Altarriba, Olivia Rodríguez e Miguel-Anxo Murado“O texto e a vida” foi o lema da terceira sesión dos Diálogos Literarios que organiza a Fundación Carlos Casares no Pazo de Mariñán, de onde toman o nome. Como é habitual, esta sesión é pública e celébrase no auditorio da Fundación Caixa Galicia na súa sede do Cantón Grande, na Coruña. Este ano xuntou na mesma mesa aos escritores Miguel-Anxo Murado (Lugo, 1965) e Antonio Altarriba (Zaragoza, 1952). O acto foi moderado pola profesora de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade da Coruña, Olivia Rodríguez, que presentou a ambos relatores situando a súa produción literaria no ámbito específico no que se ía debater.

Miguel-Anxo Murado principiou dicindo que a aínda que se di que vivimos na era da imaxe, non é tal, pois realmente quen vivían na verdadeira era da imaxe eran os paisanos da Idade Media. “O Pórtico da Gloria é un libro, un cómic onde se narra unha historia en imaxes”, apuntou. Para Murado a biografía é a máis clara mostra da relación entre o texto e a vida, aínda que ela, sobre todo na versión de autobiografía, non ten que coincidir forzosamente coa vida de un: “a literatura consiste en escribir unha historia, non en contala -subliñou-; o escritor ten que facer a historia crible e emocionar ao lector”.  Considera o escritor lugués que entre os seus libros só hai un que é biográfica: Fin de século en Palestina (Galaxia 2008; Lengua de Trapo, 2008) que é precisamente unha novela, “aínda que non todos a vexan deste xeito”.

Antonio Altarriba tomou a palabra a continuación, e a imaxe tamén, baseando a súa intervención na proxección de fragmentos de El arte de volar (Edicions de Ponent, 2009). Para Altarriba, o cómic víñase considerendo como un divertimento dun público xove, identificando nos seus lectores (e autores) unha certa actitude de evasión. Coincidiu con Murado na apreciación dos vínculos entre vida e texto e tamén en que estamos a vivir na segunda era da imaxe. “Os creadores de cómic traballamos nun medio que precede á propia escritura -dixo-, pero escribimos porque temos lido antes”. No seu caso concreto, a construción dunha novela visual baseada na vida do seu pai foi un proceso compulsivo que tiña como propósito explicarse a terrible decisión que aquel tomara: o suicidio. “O meu pai fracasara ideolóxicamente, sentimentalmente e laboralmente”, subliñou o escritor.

Antonio Altarriba e Olivia Rodríguez

Axudado pola proxección dunha escolma de páxinas de El arte de volar, marabillosamente debuxadas por Kim, Altarriba foi explicando a estrutura da obra, mostrando como o cómic ofrece ao creador unha plasticidade descoñecida noutros xéneros: unha ambientación documental superior á narración novelesca, na súa opinión, dando realidade e presenza detallada grazas a súa base visual; e tamén un extraordinario valor simbólico mediado polas metáforas visuais. “Decidinme, pois, polo cómic mercede ao seu poder narrativo e o primeiro que fixen foi adoptar a primeira persosa e falar como se eu fose o meu pai”.

A sesión rematou cun coloquio entre os relatores e o público no que se abordou, entre outros temas, a relación da banda deseñada e o xornalismo e a lenta incorporación da “literatura visual” aos grandes premios literarios internacionais.