O 10 de xuño, ás 20 horas, no Liceo de Ourense (rúa de Lamas Carbajal, nº 5) terá lugar a presentación do último libro de Alfonso S. Palomares, Los laberintos del espejo, nunha tertulia pública que contará coa participación do autor ademáis de Maribel Outeiriño, Xavier Casares, Antonio Piñeiro e que será presentada por Antón Alonso. Durante o acto servirase un viño de agasallo cortesía do Liceo.
A novela é unha precisa radiografía da mentira como base do periodismo e pon de manifesto, de forma intelixente, a deformación da realidade por culpa dos medios de comunicación e o seu enorme poder, relatando unha serie de amores intensos que rematan en traxedia e tensas situacións dramáticas baseadas en informacións terxiverxadas.
Alfonso S. Palomares, natural de Ourense, é licenciado en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid. É autor de varios ensaios e novelas (África, la hora de las violencias; Agotando la esperanza; etc.). Foi presidente-director xeral da Axencia EFE, cargo desempeñado durante máis de dez anos, tempo en que a axencia recibiu o Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades. Posteriormente uniuse ao Grupo Zeta como director de Relacións Internacionais e asesor editorial e foi tamén o director do diario Córdoba. De 2006 a 2009 foi delegado da Xunta en Madrid (director da Casa de Galicia en Madird) e actualmente é comentarista político da revista Tiempo e de El Periódico de Catalunya.
A presentación de Los laberintos del espejo está organizada pola Fundación Carlos Casares no marco dos coloquios e debates do “Café Voltaire” e conta coa colaboración do Liceo de Ourense e Ediciones B, e o patrocinio da Deputación Provincial.