Nos Diálogos Literarios de Mariñán deste ano programouse, por primeira vez, unha tertulia de café monográfica, fóra das que se montan espontaneamente despois das comidas. A tertulia tivo lugar o martes, día 2, e foi coordinada por Jon Kortazar baixo o lema A literatura vasca. Perspectivas. Nela interviron activamente Javier Rojo, profesor da UPV/EHU e crítico literario; Paulo Kortazar, escritor novo e investigador de mesma universidade; e mais o poeta Harkaitz Cano, coñecedores das tendencias da literatura no seu país.
Jon Kortazar introduciu o tema debuxando, con trazo groso, a situación actual dende unha perspectiva global, con datos tan crus como significativos: en Euscadi se publicaron o ano pasado 2.545 títulos, dos que 1.027 foron en eúscaro (40,3%), e significaron unha tirada de pouco menos de dous millóns de exemplares. Entre eles, ensaio, narración, poesía, tamén liteatura infantil e xuvenil pero, sobre todo, libro de texto, que é precisamente a que engorda as estatísticas. A fracción sobre a que traballa o crítico é, por iso, especialmente reducida, subliñou.
Javier Rojo cinguiuse á narrativa, nas súas variedades de novela e conto, salientando o feito curioso de que “se hai vinte anos a violencia apenas aparecía na narrativa vasca, hoxe é un tema recorrente en moitos dos escritores do país”. Pola súa parte, Paulo Kortazar comentou as semellanzas e disparidades entre o mercado literario vasco e o galego, onde se publican arredor de 1.800 títulos, o 57% da produción editorial galega, superando lixeiramente os tres millóns de exemplares. Isto deu pé a discutir o fenómeno da tradución e as diferenzas, apenas notables para algúns, nos prezos pagados aos tradutores, as marxes das editoriais e as influencias dos mercados potenciais.