Na cuarta sesión dos VII Diálogos Literarios de Mariñán, que se desenvoleu o xoves 3 de xuño, participaron Harkaitz Cano e José Luis García Martín, os cales trataron o tema das fronteiras entre a prosa e a poesía. A moderación correu a cargo do poeta e narrador Fran Alonso.
O primeiro en falar foi Harkaitz Cano (Guipúzcoa, 1975), autor, entre outros, de Paulov-en txakurrak, obra mestura de poesía e narrativa. Cano explicou que, na súa opinión, a disolución da poesía sería dobre. Por unha parte trataríase dunha disolución “bicarbonatada”, onde a poesía permanece no fondo como esencia. Pero, por outra parte, sería “efervescente”. Neste sentido, a poesía encargaríase de impregnar outras artes próximas, e non tan próximas, coa súa alma.
Despois desta primeira intervención foi a quenda de José Luis García Martín (Cáceres, 1950), escritor, poeta, tradutor e crítico literario. Segundo o seu punto de vista, a poesía falada e, polo xeral, toda literatura para ser lida, que teña unha gran carga de oralidade, é tan independente e poderosa que logrará permanecer sempre sobre todos os cambios tecnolóxicos.