Miguel Anxo Fernán-Vello, Román Raña e Fransesc Parcerisas nos VII Diálogos Literarios de MariñánA quinta e derradeira sesión dos VII Diálogos Literarios de Mariñán, celebrada na tarde do xoves, día 3, correu a cargo de Francesc Parcerisas e Miguel Anxo Fernán Vello, que foron introducidos por Román Raña, coordinador dos Diálogos. Foi o poeta e editor galego quen iniciou a reflexión: “a lectura en silencio descobre no poema outros elementos que se agochan na lectura en voz alta, ademais de ser un encontro silencioso entre o lector e o poeta”. Para Fernán Vello (Cospeito, Lugo, 1958), a lectura en voz alta é máis complexa, require tempo para a entoación e pausas para a diferenciación temporal: “é necesario un tempo para a distribución e outro para a diferenciación”, subliñou explicando polo miúdo.

Para Francesc Parcerisas (Begues, Baix Llobregat, 1944), a función da métrica clásica foi permitir memorizar o texto para declamalo, pero foi coa chegada da poesía simbolista cando a páxina do libro cobrou unha importancia sensible. En opinión do poeta catalán, a poesía recitada que se fai agora, a poesía espectáculo, está pondo en perigo a poesía lida en voz baixa, porque, ademais, se declama mal.

“Os poetas deberiamos escribir con imaxes sobre un pentagrama -dixo- porque a escritura é unha forma moi pobre de expresión”. Un problema para o poeta é cando dous lectores fan lecturas contraditorias dun mesmo poema, ou cando se entende del cousas diferentes ás pretendidas: “se ocurre isto, fracasamos”. Non obstante, Parcerisas considera que se a lectura sonora fose boa “podería subsanar os pequenos desacordos entre a intención do autor e a comprensión coherente do lector”.

A sesión rematou cun recital poético no que ambos os dous autores ilustraron este dobre achegamento á palabra, en absoluto incompatible.