O mércores, día 8, presentamos en Santiago de Compostela a novela Los laberintos del espejo, que Alfonso Sobrado Palomares vén de publicar en Ediciones B. O acto, no que colaboraron tamén a Fundación Araguaney e propia editorial, contou coa presenza do escritor Manuel Rivas e mais de Håkan Casares, secretario da Fundación Carlos Casares, que arrouparon o autor na primeira presentación pública da súa novela en Galicia.
Håkan Casares introduciu o acto tirando da memoria familiar para recordar a longa e fonda amizade que unía ao autor co seu pai, razón suficiente da presenza activa da Fundación no evento de Santiago e no programado para o día 10 no Liceo de Ourense. “As anécdotas que meu pai nos contaba das vosas charlas de sobremesa -referiu dirixíndose ao escritor- pintaban un mundo de teléfonos, mapas e teletipos con noticias de guerras e catástrofes, verdadeiramente extraordinario para os nosos ollos de rapaz”.
Manuel Rivas debuxou o perfil profesional do autor e salientou as súas cualidades humanas, antes de referirse á súa recente obra. Para Rivas, Los laberintos del espejo é “unha novela con forza, na que xa no primeiro capítulo o autor nos presenta un escenario trepidante onde o esperpento e o disparate se moven con soltura, pero sempre dentro da realidade cotiá dos medios de comunicación”. É tamén unha novela sensual, apuntou Rivas, profundamente evocadora e chea de homenaxes máis ou menos evidentes a escritores como Camus ou Borges; “unha novela que precisa unha achega demorada, con voltas e pausas, para ir avanzando a través desas zonas escuras que ten o xornalismo”.
O escenario da trama ocorre en Madrid e en Beirut. “Beirut é para min a cidade máis sensual do planeta -subliñou Alfonso Palomares-, foi, porque logo se desataron nela todos os demos do mundo”. “Un mozo de 23 anos -recordou o autor-, a idade que eu tiña cando fun a Beirut por primeira vez, ten unha sensibilidade extraordinaria para captar o ambiente sensual que envolvía á cidade. Tiña, logo, que facerlle unha homenaxe”. “Na novela conto as cousas que suceden no periodismo cando este se fai finalista, ese periodismo creacionista que saca da nada mundos que non existen -subliñou o escritor- Pero a novela non toma do mundo real máis que os escenarios, non hai vinculación con xornais nin con xornalistas. Os meus personaxes son como bailaríns, aos que sempre recordamos no aire, sen contacto co chan. Así funcionan na miña novela”.