O venres, día 18, José Saramago faleceu na súa casa de Tías, en Lanzarote. Foise en silencio, extendendo a súa habitual cortesía ao acto final. Partiu dende onde quixo, no medio dun mar que adoraba. Durante uns días, un río de palabras e de textos nos aliviarán a mágoa da súa perda, preparándonos para recuperar ao escritor en cada unha das súas obras, sabendo que xa non está.
José Saramago e a súa esposa Pilar del Río, a un tempo tradutora, enfermeira e portavoz, estiveron con nós hai pouco máis dun ano (aínda temos o recordo ben fresco), co gallo dos VI Diálogos Literarios de Mariñán, durante os días 2, 3 e 4 de xuño. Saíra o escritor dunha convalecencia que lle quitara uns cantos quilos do corpo, ademáis do apetito, e quería pagar unha débeda que mantiña coa Fundación. Anos antes, en 2004, un grave problema de saúde obrigárao a suspender, na véspera, un acto organizado en Vigo pola Fundación onde esperaba recordar ao seu amigo Carlos Casares e presentar Ensayo sobre la lucidez, na compaña de outro amigo seu: Darío Villanueva, tamén padroeiro noso.
Chegou a Mariñán en automóbil, conducido polo seu editor Zeferino Coelho, e atendeu con paciencia e xenerosidade todos os requerimentos da prensa, dos admiradores e dos amigos. Porque Saramago era así, un home bo e xeneroso, un amigo fiel e un conversador cariñoso e sincero. Era difícil non ver no seu corpo delgado aquel neno de Azinhaga, a pouco que un se asomase aos ollos tranquilos, profundos e cansados de José.
José. Que ben soaba o seu nome na voz de Pilar.