Baixo o título Cea no 221b de Baker Street o escritor e xornalista Xesús Fraga conducíu, o xoves día 17, a quinta e última sesión do primeiro ciclo de “O sabor das letras”. Fraga (Londres, 1971), lembrou a súa pasión polo famoso detective creado por Arthur Conan Doyle en 1887, Sherlock Holmes, compartida con Carlos Casares con quen mantivo interesantes conversas sobre o personaxe e os moitos seareiros presentes polo mundo adiante.
Na súa exposición percorreu brevemente a historia dos alimentos tradicionais en Inglaterra, dende a Idade Media ata a época victoriana, na que se centrou para definir os costumes culinarios dos contemporáneos de Sherlock Holmes: o gusto polos arenques, o salmón, o coello, os amorodos, o caril (curry), a carne do vacún, a cervexa ou a xenebra, entro outros. Durante a súa charla desfilaron os grandes fitos da edición culinaria inglesa, entre eles o libro de Isabella Mary Mayson, a célebre Mrs. Beeton: Beeton’ Book of Household Management (1ª edición, 1861) do que mostrou un exemplar de 1923 que contiña unha das receitas clásicas utilizadas para a preparación dun dos bocados da sesión.
En varias das novelas protagonizadas por Holmes figuran referencias a estes igredientes, así como a pratos enteiros de inspiración victoriana. Xesús Fraga fixo unha escolma representativa e o chef Alfonso Botas convertiunos en realidade: Red Herring (arenque vermello) sobre galleta mariñeira; Kedgeree (caril de salmón con arroz; Rabbitt pie (empanada de coello) con mollo de mazá; sandwich de Roastbeef ( de vacún); Eton mess (amorodos con nata e merengue); Eccles cakes (galleta con pasas e laranxa confitada); e, por suposto un Gin and Tonic realizado en tres texturas: granizado de limón, xel de tónica e escuma de xenebro (Juniperus). Cada un deles relacionado cunha cita orixinal dun caso de Sherlock Holmes, un lugar ou un momento das numerosas e variadas aventuras do famoso detective británico.
O viño tamén foi escollido en coherencia co tema: un Chianti Acustic Blanc (D.O. Montsant) e mais un borgoña La Fortune, Domaine Aubert de Villaine (D.O. Burgundi-Côte Chalonnaise), ambos de 2008.
“O sabor da letras”, unha actividade literario-gastronómica do Café Voltaire, pechou así a primeira serie de encontros, para voltar en setembro cunha nova serie que culminará o ano. O obxectivo seguirá sendo o mesmo: achegar o amor polos libros e pola lectura dun xeito ameno e participativo, a partir dos seus protagonistas: escritores e lectores.