Dixitalización do arquivo persoal de Carlos CasaresA Fundación Carlos Casares vén de asinar un convenio coa Fundación Cidade da Cultura de Galicia que permitirá a dixitalización do arquivo persoal do escritor ourensán. O convenio, asinado o pasado luns, día 28 de xuño, contempla a dixitalización, nunha primeira fase, de máis de 3.600 páxinas de manuscritos, mecanoscritos e apuntamentos orixinais de Carlos Casares e ata un total de 1.200 fotografías, en branco e negro e cor, que pertencen aos fondos da nosa Fundación. Todos estes documentos estarán catalogados e dixitalizados a final de ano e serán accesibles a través de internet, ben no portal da Biblioteca de Galicia ou mediante a páxina web da Fundación Carlos Casares.

Diferentes versións de novelas como O sol do verán ou Xoguetes para un tempo prohibido; textos mecanoscritos corrixidos de relatos como O galo de Antioquía, de ensaios como A literatura medieval galega, ou escritos biográficos como Da miña acordanza,  Hemingway en Galicia ou A vida do padre Sarmiento, serán postos a disposición pública nesta primeira fase, de xeito gratuíto para a súa doada consulta a través da pantalla do ordenador persoal.

En anos sucesivos preténdese abordar a dixitalización da abundante correspondencia que garda o Arquivo Persoal de Carlos Casares, á par doutros documentos textuais e gráficos patrimonio da Fundación.