O pasado luns, día 20, atracou no porto de Vigo, procedente da illa de Gernsey (Canal da Manga, UK) o buque escola Älva. Abrigouse no porto vigués por cortesía da Autoridade Portuaria e da súa presidenta Corina Porro, que vén mantendo así esta tradición anual. O buque, que pertence ao centro de secundaria Marina Läroverket de Estocolmo, estivo entre nós ata onte xoves, cando partíu cara a Porto, última singradura europea da súa viaxe trasatlántica. No Älva (“Trasno”), un bergantín de 3 mastros e 44 metros de eslora, chegaron 33 alumnos e alumnas que cursan o bacharelato nas modalidades de Bioloxía Mariña, Enxeñería Mariña e Comunicación e Liderato, acompañados por dúas profesoras.
Durante a súa estadía en Vigo, a Fundación, que mantén unha estreita relación co Instituto a través da nosa presidenta, Kristina Berg, organizoulles unha serie de visitas para que os estudantes puidesen levar unha idea básica de Galicia e o seu engarzamento con España e Europa.
O martes 21, despois de asistir á sesión da Lonxa, nas instalacións portuarias, foron recibidos polo alcalde Abel Caballero e visitaron as dependencias do Concello de Vigo. Durante a audiencia co rexidor municipal, Kristina Berg aproveitou para entregar ao capitán do Älva, Mattias Nyman, unha bandeira galega en cumprimento dunha vella promesa. Acto seguido, o capitán Nyman recibiu do alcalde unha bandeira de Vigo. Pola tarde o grupo visitou Mondariz-Balneario e probou as augas termais e as instalacións do Hotel Balenario de Mondariz.
O día seguinte, mércores 22, os alumnos e alumnas realizaron unha visita guiada ás instalacións da factoría pesqueira Fandicosta en Domaio, onde puideron seguir de primeira man o tratamento completo do peixe conxelado, dende a súa chegada ao frigorífico ata a súa saída aos supermercados. De alí marcharon a Santiago de Compostela onde realizaron unha visita guiada á Catedral e mais á cidade vella. Pola tarde, a propia presidenta da Fundación acompañounos ata Panxón (Nigrán), onde puideron gozar da praia e cear no “Punto e coma”, situado no Paseo Marítimo. Neste paseo, dedicado a Carlos Casares, seguiron, da man de Kristina Berg, a serie de placas cos títulos das obras do escritor galego que levan ata o monolito erixido na súa memoria.
Este grupo, que cumprirá en Porto a súa etapa de 25 días de navegación, será substituído por outro de 35 alumnos e alumnas que iniciará a travesía do Atlántico dende a cidade portuguesa.