Os profesores Glyn Williams e Joan Argenter son os dous profesores foráneos que participarán os días 8 e 9 de outubro de 2010 no Foro Mugardos Lingua e Sociedade, onde teremos ocasión de escoitalos e dialogar con eles.
Glyn Williams é profesor emérito de Socioloxía da Universidade de Gales, Bangor. Traballou tamén como profesor investigador nas universidades Ramón Llull, San Francisco, Cardiff, etc. Retirado dende o ano 2000, escribiu 14 libros e máis de 100 artigos sobre múltiples temas, incluíndo lingua e sociedade, desenvolvemento rexional, etnicidade, medios de comunicación e novas tecnoloxías. O seu último libro titúlase The Knowledge Economy, Language and Culture (2010), orixinal e provocativa interpretación das relacións mutuas entre a lingüística, a política o social e a economía.
Joan Argenter é catedrático de Lingüística Xeral da Universidade Autónoma de Barcelona. É membro numerario do Institut d´Estudis Catalans e titular da Cátedra UNESCO de Linguas e Educación. A súa actividade investigadora centrouse ultimamente na etnografía lingüística e a pragmática histórica. É membro do consello de redacción de varias revistas especializadas. Entre as súas obras destacamos La preservació de la diversitat lingüística: polítiques i projectes (2007).
A súa presenza e a intervención do público servirá para abrir un debate activo do que agardamos tirar conclusións e ideas útiles de aplicación práctica no proceso de normalización lingüística do galego.