O catedrático de Filosofía do Dereito e antigo Reitor da Universidade Carlos III de Madrid foi o encargado de pechar o curso Os Dereitos Humanos no século XXI, no Salón de Grados da Facultade de Dereito de Ourense. O curso, organizado pola Cátedra Carlos Casares en colaboración co Instituto de Derechos Humanos ‘Bartolomé de las Casas“ da Universidade Carlos III, celebrouse durante os pasados días 2 e 3 e foi dirixido polos profesores Ana Garriga e Roberto Bustillo, do Departamento de Filosofía do Dereito da UVigo – Campus de Ourense. O total das prazas ofertadas, medio centenar, foron cubertas por estudantes da Facultade, rexistrándose tamén a asistencia, fóra de matrícula, de profesionais relacionados coa aplicación práctica dos Dereitos Humanos. Durante as dúas sesións do curso abordáronse diferentes aspectos do tema a través das vías máis significativas pola súa actualidade e prevalencia.
En primeiro lugar, o profesor Lorenzo Martín-Retortillo, catedrático de Dereito Administrativo da UCM, explicou a situación dos dereitos fundamentais logo da entrada en vigor do Tratado de Lisboa, así como as posibles vías de entrada no ordenamento constitucional. A continuación, María del Carmen Barranco, profesora titular de Filosofía do Dereito na Universidade Carlos III, disertou sobre o papel do xuíz en relación coa Constitución e a Democracia, establecendo os puntos de contacto, e por tanto de fricción, entre as posicións do xuíz e do lexislador.
Na segunda e última sesión, o profesor Rafael de Asís Roig, catedrático de Filosofía do Dereito da Universidade Carlos III, explicou o tratamento que se dá ás situacións de discapacidade e dependencia dentro do sistema de dereitos, poñendo o acento na diferenza que se está observando, mesmo, entre diferentes colectivos de discapacitados en relación coa interpretación dos dereitos. Por último, o profesor Gregorio Peces-Barba falou da xustificación da Educación para a Cidadanía no contexto da consolidación dos Dereitos Humanos, salientando a súa importancia na cohesión e progreso da sociedade. Remontouse, na súa argumentación, á revolución francesa e aos inicios da educación pública, poñendo de manifesto a astucia da Igrexa católica romana durante o ascenso e a caída de Napoleón e durante o proceso de restauración do Antigo Réxime que levou ao Congreso de Viena.