O pasado novembro celebrouse a derradeira sesión do ano de O Sabor das Letras, a proposta do Café Voltaire que xungue literatura e gastronomía dende o Marco Restaurante&Café, na cerna do Museo de Arte Contemporánea de Vigo e coa colaboración da súa Agrupación de Amigos. A sesión, que fixo a sétima do ano, foi conducida por César Cunqueiro quen falou sobre A matanza do porco e as cociñas popular e burguesa de Mondoñedo. A través dunha escolma de textos da súa novela Beatum Corpus (Ed. Ir Indo, 1993), e da popular obra do seu pai, Álvaro Cunqueiro: A cociña galega (1ª edición en Galaxia, 1973), o conferenciante foinos levándo ata a súa xeografía orixinaria que é o Mondoñedo de mediados do século XX.
O ritual da matanza e a valoración do porco na cociña popular explican, a xuízo de César Cunqueiro, a riqueza de dúas comidas esencialmente populares: a empanada, nas súas múltiples versións e mais o lacón con grelos, onde cada ingrediente dispón dunha atención especial durante a elaboración do conxunto. Ao lado desta cociña pegada á terra, de sabores rexos, había en Mondoñedo, como seguramente en calquera vila do país, unha cociña burguesa adornada con matices non sempre culinarios: a troita (popularo) fronte ao reo (burgués), só no prato ou en empanada; o viño de pipa fronte ao Paternina (embotellado e de marca); e os doces, de elaboración rigurosa, case obsesiva. O conferenciante escolleu dous para estenderse: o Manjar Blanco e a Torta de Mondoñedo.
O menú da sesión, elixido polo conferenciante e preparado polo chef Alfonso Botas, estivo composto por un entrante de Consomé de cabaceira de Mondoñedo; seguido de bocados de Empanada de matanza; Pastelón de bonito con mahonesa de trufa e Vol-au-vent de lingua escarlata con vinagreta montada. Na sobremesa, Manjar Blanco con biscoito de soletiñas e canela e mais a Torta de Mondoñedo que o propio César Cunqueiro trouxo da súa vila natal pois, como todo o mundo sabe, non se pode preparar fóra daquela sede episcopal.
Os bocados foron acompañados por un branco Terras Gauda (2009) cortesía da adega do Val do Rosal; un tinto Paternina (2009) e Agua de Mondariz.