“El Extramundi”, nº 63 (outono 2010)  A edición de EL EXTRAMUNDI (y Los papeles de Iria Flavia) do outono de 2010, que fai o número 63 dos seus dezaseis anos de vida, recolle unha variada escolma de textos do escritor padronés sobre a provincia de Ourense e as súas xentes. Neste número, como noutros anteriores, vai quedando de manifesto o interese de Cela pola literatura galega e os seus escritores, así como o papel de aplicado publicista que desenvolveu a través dos Papeles de Son Armadans, como Carlos Casares nos recordara en diferentes ocasións.

O número abre a escolma cunha conferencia dada polo escritor en Ourense a  finais dos anos oitenta: “Sueños, remordimientos y figuraciónes del río Miño”, incluíndo entre os textos que seguen dúas fermosas referencias a senllos poetas, un sobre Celso Emilio Ferreiro (“El poeta muerto”) co gallo do seu pasamento e outro sobre Manuel Luís Acuña (“El penúltimo bardo”), escrito para o ABC en 2001. Pero volvendo ao labor publicístico de Cela debemos fixarnos na sección que remata o volume: “Las cartas sobre la mesa”, onde se transcriben cinco delas dirixidas aos ourensanos Casares, Celso Emilio, Otero Pedrayo, Ben-Cho-Sey e mais José Ángel Valente, escritas entre 1953 e 1999.

Os temas das cartas responden aos traballiños de cada época: acusar recibo de libros ou textos, procurar contactos, encargar colaboracións ou interesarse pola recepción dos Papeles; todas elas están escritas coa elegancia habitual no escritor e transmiten a cordialidade e a cortesía que se dispensa os amigos; trazos de carácter e maneiras que co tempo se farán máis evidentes no que foi o primeiro premio Nobel de  Literatura galego.