Como figura nos documentos fundacionais, os nosos obxectivos despréganse en catro áreas de traballo:
– Velar polo estudo e a difusión da obra literaria de Carlos Casares e preservar a súa biblioteca, arquivo e coleccións.
– Promover e difundir o legado casariano no que atinxe ao desenvolvemento cívico, social e cultural de Galicia, sustentado na comunicación, o diálogo e a tolerancia.
– Constituírse como entidade mediadora entre a cultura galega e a cultura universal dende criterios de apertura, pluralismo e respecto á diversidade cultural.
– Realizar toda clase de actividades tendentes a afortalar o proceso de normalización lingüística e cultural de Galicia.
Atendendo a estes obxectivos, a Fundación Carlos Casares desenvolveu durante o ano 2010 numerosas actividades entre as que destacan a catalogación do arquivo casariano, a celebración de cursos, xornadas e foros, así como tamén diversas iniciativas para dar a coñecer a figura de Carlos Casares.
Neste video podedes ver un resumo das actividades realizadas durante o pasado exercicio 2010, grazas á xenerosidade dos nosos patrocinadores e, sobre todo, ao apoio de todos vós.