Henrique MonteagudoHenrique Monteagudo ven de extrearse como secretario da Fundación na primeira reunión da Comisión Executiva celebrada o pasado venres. Substitúe no cargo a Hakan Casares Berg, que pasa a ocupar o posto de administrador. O profesor Monteagudo, amigo e estreito colaborador de Carlos Casares na editorial Galaxia e no Consello da Cultura Galega, entrou no padroado da Fundación o pasado 21 de decembro.

Henrique Monteagudo Romero (Muros, A Coruña, 1959) licenciouse en Filoloxía Hispánica (Galego-Portugués) e é doutor en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela, onde exerce como profesor. É especialista en sociolingüística e foi Lector na Universidade de Birmingham e profesor convidado nas universidades de Lisboa, Bos Aires e City University de Nova York. É co-director da revista GRIAL e foi Secretario do Consello da Cultura Galega ata finais de 2010. Coordinou o “Proxecto Sarmiento” e máis o Informe Lingüística e Normalización en Galicia (1980-2000) do Consello da Cultura Galega. Editor das obras de Otero Pedrayo, Rosalía de Castro, Martín Sarmiento e Alfonso Castelao, escribiu Estudio de sociolingüística galega (1995) e mais Historia Social da Lingua Galega (1999). Académico electo da RAG, o profesor Monteagudo é un defensor incansable da lingua galega, tema sobre o que divulga, reflexiona e polemiza en EL PAÍS Galicia e en diversos foros da internet.