No marco da campaña “Vive en galego“, o pasado día 24 de febreiro foron presentadas en Santiago de Compostela as novas ferramentas tecnolóxicas ofimáticas en lingua galega da man do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, e do Secretario Xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo.

En colaboración coa empresa Microsoft, presentáronse as interfaces en lingua galega dos seus programas máis importantes da empresa de informática: Windows 7, Office 2010 e Dynamics CRM. Coa campaña “Vive en galego”, a Xunta dá un paso necesario e longamente agardado na incorporación da nosa lingua aos programas de maior uso social destinados ao desenvolvemento profesional e á comunicación.

Estas ferramentas son imprescindibles no proceso de normalización da lingua galega, sendo necesario que os esforzos da Secretaría Xeral de Política Lingüística sigan co afortalamento da presenza do galego nas novas tecnoloxías, así como mellorando as que xa están en funcionamento, como os contidos didácticos do proxecto “Abalar“.

Ademais das ferramentas presentadas, a comunidade internauta galega ten unha importante tradición na creación de interfaces en lingua galega doutras ferramentas tecnolóxicas de acceso libre como poden ser Linux, a Wikipedia ou Open Office, por poñer algúns exemplos. Agora que se dispón delas, só resta usalas.