O xoves 24 de febreiro no Restaurante e Café do MARCO de Vigo tivo lugar a primeira sesión de “O Sabor das Letras” do ano 2011. Integrada dentro do Café Voltaire, a sección de faladoiros e debates da Fundación Carlos Casares, esta actividade aúna aspectos literarios e gastronómicos nunha rica maridaxe cos textos e as voces dos seus protagonistas. “O Sabor das Letras” faise en colaboración coa Agrupación de Amigos do MARCO e co patrocinio da Secretaría Xeral de Normalización Lingüística da Xunta de Galicia.
Nesta primeira sesión, os asistentes tiveron a oportunidade de escoitar ao director de cine Jorge Coira, natural de Rábade (Lugo), que comezou a súa carreira realizando documentais, especialmente docudramas (Chunda chunda, sobre o mundo das orquestras; ou 092, sobre o traballo da Policía local). De 1996 a 1998 foi director creativo de promocións da TVG, e en 2001 retornou á ficción televisiva (Terras de Miranda, Padre Casares…) e estreose no cine c’ O ano da carracha, a súa primeira longametraxe.
Coira prantexou a súa sesión debullando os distintos aspectos e singularidades de 18 comidas, a súa última película. Salientou principalmente a selección de actores e historias, os elementos de confrontación de personaxes e o estilo actoral de interpretación que escolleu para o filme e que, neste caso, se baseou na improvisación absoluta das secuencias, alghunha delas de máis de hora e media de duración. Pero ademais, a escolla de varias historias que se desenvolven ao redor dun feito mundano, como é o acto de comer, agochan a poesía do cotián, a literatura das pequenas cousas belas que pasan desapercibidas e que, de xeito singular, están recollidas neste filme. Como comentou o propio director, o fío condutor da película é, ao final, a loita por ser felices. Coira tamén falou do miragre que significa conseguir manter o filme en carteleira durante tanto tempo, tratándose dunha película galega, de orzamento axustado e sen ningunha promoción fóra do boca a boca.
Alfonso Botas e Miguel Oliveira idearon e presentaron un menú baseado en varias secuencias do filme. Así pois, entre os pratos degustados na velada, os presentes tiveron a oportunidade de probar “Gelatine de cubalibre e tapa de gamba á prancha”, “Revolto de setas, brocheta de polo á crema e brazo de xitano de mouse de caramelo” ou “Xelado de queixo de cabra, marmelo e chupito de leite merengado”, entre outras moitas creacións dos chefs. O excelente e novidoso albariño Rías Baixas Paco & Lola, cortesía de Bodegas Rosalía de Castro, puxo a nota de frescura e de encanto a unha noite de cine.