O pasado 19 de marzo ás 12 horas celebrouse o acto de inauguración da Praza Carlos Casares de Nigrán (Pontevedra). O acto, contou coa presenza do alcalde do concello, Efrén Juanes, co concelleiro de cultura Juan González, con Kristina Berg, viúva do escritor e con Christian e Hakan Casares, os seus fillos.

O acto comezou coa interpretación dunha peza musical a cargo da Orquestra Sinfónica Municipal de Nigrán. Despois da presentación do acto por parte do Concelleiro de Cultura municipal, varios estudantes representando aos CEIP Carlos Casares, Humberto Juanes, A Cruz  e Mallón, así como ao Centro de Educación Especial Juan María e ao Colexio Público Integrado de Panxón, leron textos do escritor relacionados co concello e co famoso gato Samuel.

Posteriormente Kristina Berg, destapou a bandeira que ocultaba a placa conmemorativa da Praza Carlos Casares,  pronunciando unhas breves palabras de sentido agradecemento. O acto pechouse cun discurso do alcalde, que cualificou este acto de homenaxe como “desagravio” polo longo esquecemento ao que foi sometido o recordo de Carlos Casares en Nigrán. Ás súas palabras seguiulle a interpretación de tres pezas musicais por parte da Orquestra Sinfónica Municipal.

Despois do acto, o Concello serviu uns refrescos na Piscina da Ramallosa e a Fundación agasallou os rapaces e rapazas participantes no acto e da Orquestra Sinfónica con libros infantís e xuvenís de Carlos Casares.