A partir de hoxe e ata finais do mes de maio, o Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) acollerá a exposición “O Principiño arredor do mundo. A colección de Carlos Casares“. A exposición está composta por un centenar de volumes da obra de Antoine de Saint-Exupéry en distintos idiomas do mundo e clasificados por familias lingüísticas, así como por varios paneis informativos sobre a obra, o autor e sobre Carlos Casares.
A mostra conta tamén con rarezas como postais ilustradas, un libro confeccionado con papiro ou unha libreta manuscrita de Carlos Casares coa tradución ao galego da obra, datada en 1970. A exposición estará aberta dende o día de hoxe ata o vindeiro 27 de maio para aquelas persoas interesadas no máxico mundo de O Principiño.