A sesión de abril de “O Sabor das Letras” do Café Voltaire, celebrada o pasado xoves, día 28, correu a cargo de Xavier Castro, que abordou o tema da comida e a bebida na obra de Rosalía de Castro nunha conferencia impecable, coma sempre no MARCO Restaurante & Café do museo vigués.
O profesor Castro, que xa participou na edición do ano pasado de “O Sabor das Letras” cunha conferencia sobre Baudelaire e o dandismo, iniciou o acto con aires de ópera para introducir o público na súa intervención. Acto seguido, e tras un brinde ao son do Himno do Antigo Reino, o conferenciante debullou diante dos 70 asistentes o marco histórico internacional e galego no que se desenvolveu a vida de Rosalía, así como os feitos biográficos máis salientables que puideron caracterizar a súa obra poética.
Aderezado coas creacións gastronómicas dos chefs do restaurante MARCO, Alfonso Botas e Miguel Oliveira, Xavier Castro centrou o seu discurso nas referencias ao tema na obra de Rosalía, ao mesmo tempo que relataba as circunstancias sociais e históricas que aparecen nos poemas da poeta. Esta conferencia acompañouse pola lectura dramatizada de varios poemas por cargo da profesora María Outes. Entre os pratos presentados destacaron o rebozado de pemento de Padrón (Herbón) con recheo de queixo, os “boliños de pote” ou o xelado de sopa de viño con pan.
Por suposto, tamén houbo tempo para falar do viño, que foi un elemento moi importante na Galicia do século XIX, tal e como se pode comprobar nos poemas de rosalianos. Neste punto, presentáronse os viños da velada: un excelente branco Albariño Rías Baixas de Adegas Rosalía de Castro e un Ribeiro tinto Tarabelo Barrica da Adega Arco da Vella (Adega Eladio), que foi presentado polo propio adegueiro, Eladio Rodríguez.
O Sabor das Letras de abril rematou co canto colectivo de “Campanas de Bastabales” e de “Adiós ríos, adiós fontes”, cun brinde ao son da Traviata e co baile dalgúns asistentes ao son de “O Pirimpimpín”.