O pasado xoves 26 de maio celebramos no Restaurante & Café MARCO a sesión mensual de "O Sabor das Letras" do Café Voltaire que organizamos en colaboración coa Agrupación de Amigos do MARCO. Nesta ocasión a conferenciante convidada foi Giovanna Giusti, conservadora da coleccións de pintura do século XIX e Contemporánea da Galería dos Uffizi de Florencia, quen falou sobre os doces na corte dos Medici a través da iconografía custodiada nos museus florentinos.

Cun pano de fondo musical composto de pezas populares na corte medicea, a profesora Giusti levounos a unha extensa viaxe polas ricas e variadas sobremesas que se podían degustar nos banquetes da corte. A conferencia, que baixaba a detalles mínimos presentes nos cadros estudados, basábase nun libro seu que recolle unha profunda investigación sobre o tema.

Entre os doces que prepararon o chef Miguel Oliveira para acompañar a exposición, cabe salientar as grosellas orballadas, o sorbete de cítricos ou un chocolate con soletiña. Para acompañalos escolleuse un moscatel e, para rematar, un café agasallo da casa italiana Illy, que continuará con nós en vindeiras sesións do Sabor das Letras.